O BNG de Curtis lamenta as múltiples escusas do Alcalde fronte a denuncia por maltrato animal e avisa que chegará até o final
O pasado 4 de xaneiro Curtis viviu un pleno convocado a instancias da formación nacionalista co único punto na orde do día de tratar a denuncia presentada pola Asociación Gatocan por maltrato animal, unha vez as cámaras dunha nave industrial do termo municipal de Coirós, gravou a membros dun servizo municipal de Curtis, uniformados abandonando a dous cans en dita nave.
No Pleno, o Alcalde primeiramente xustificou dita actuación por parte dos traballadores ao estar fóra do seu ámbito de actuación, feito que recoñeceron, segundo manifestou o alcalde, nun oficio asinado, para logo, e ante a presión a que se vía sometido, culpar unicamente aos traballadores e que asuman as consecuencias do que realizaron fóra do concello, alegando tamén, este conta con servizo municipal de recollida de animais contratado con "Servigal".
Dende a formación nacionalista manifestan que "se xa entrabamos preocupadas no pleno ante unha situación de posible maltrato animal por membros dun servizo municipal, saímos aínda peor. Non entendemos a xustificación dun posible delito por parte do alcalde escudándose en non estar no termo municipal, cando os cans foron recollidos fóra dese ámbito de actuación e preguntámonos, entón por que os recollen? Decidiron recollelos, e por que os volven abandonar? Por que non lles pasan o lector de chip?. Porque a palabras textuais do oficio eles din que "Enténdese" que os cans eran desa nave porque había comedeiros".
Proseguiron argumentando que "un traballador, que estando de servizo, uniformado e en itinere cara unha incidencia, representa e está actuando en nome do Concello de Curtis, esté ou non no seu termo municipal, non serven aquí as medias tintas e os titubeos para non asumir as responsabilidades e tomar as decisións necesarias fronte a uns feitos desta gravidade". E afirman rotundamente que "estamos ante un delito de deber de omisión de socorro."
Así mesmo, dende o BNG tamén explicaron que solicitaron acceso ao contrato de Servigal. "Desde distintas fontes confirman que este non está en vigor, entón non sabemos se ademáis de enredar e xustificar o inxustificable, dende a alcaldía tamén se mentiu no pleno, algo que de ser así, a veciñanza ten que saber, pola gravidade que isto suporía".