A formación nacionalista tomou esta decisión logo de analizar detalladamente o informe sobre as irregularidades na xestión municipal

O BNG de Curtis solicita un pleno extraordinario para tratar as irregularidades descritas polo Consello de Contas

Pleno do Concello de Curtis

“O alcalde ten responsabilidades políticas nesta cuestión e Curtis non pode seguir sufrindo esta sangría de fondos públicos nin cobrándolle de máis á veciñanza polos servizos que recibe” explican desde o BNG

O BNG no Concello de Curtis vén de anunciar o rexistro dunha petición de pleno extraordinario, a solicitude das concelleiras do Grupo Municipal Asembleas Abertas de Curtis. Desde o BNG exíxenlle ao alcalde Javier Caínzos “que dea contas e explique publicamente á veciñazna a que se deben estas irregularidades que tan negativamente están afectando ás arcas municipais e ao diñeiro público, é dicir, o diñeiro de todas e todos” explicaron desde o BNG.

 

“As cuestións que recolle o informe do Consello de Contas son dunha grande gravidade polo que agardamos que ese Pleno Extraordinario solicitado, e que é de obrigada celebración segundo a lei, se celebre canto antes e que o alcalde dea as necesarias explicacións” sinalan desde a organización nacionalista.

 

Dende o BNG manifestan que “o mal xa está feito e págao a veciñanza de Curtis. Agora do que se trata é de analizar ben que foi o que aconteceu e a que se debeu, para buscar axiña a mellor solución” sinalan e, engaden, “o alcalde ten responsabilidades políticas nesta cuestión e ten que dar explicacións pois nunha situación de crise como a actual Curtis non pode seguir sufrindo esta sangría de fondos públicos nin cobrándolle de máis á veciñanza polos servizos que recibe” conclúen.