As concelleiras María Seoane, Verónica Fuentes e Maribel Ares denuncian que o PP “deixa tirado ao alumnado do IES de Curtis” e que “se non se resolve este problema para o vindeiro curso aínda vai agravarse”

O BNG insta á Xunta de Galiza a resolver “con urxencia” os problemas co transporte escolar que se están a dar en Curtis

As concelleiras María, Maribel e Verónica xunto co deputado Mini Rivas

O Bloque Nacionalista Galego en Curtis fíxose eco da problemática que se está a dar no inicio do actual curso académico ante a falta de prazas no autobús escolar, o que provocou que no día de onte un total de 7 alumnas e alumnos non puidesen facer uso deste servizo cando o autobús chegou á parada.

As concelleiras María Seoane, Verónica Fuentes e Maribel Ares denuncian que o PP “deixa tirado ao alumnado do IES de Curtis” e sinalan que, tal e como está a alertar a ANPA e o propio director do IES “se non se resolve este problema ampliando o servizo de transporte escolar, vaise ver agravado para o vindeiro curso coa chegada de máis alumando” explicaron.

Ademais do propio alumnado de Curtis, esta situación tamén está afectado o alumnado que procedente doutros concellos como Vilasantar ou Sobrado, que se despraza a Curtis para estudar. “Nunha comarca e concello rural coma é Curtis este servizo é esencial para facilitar os desprazamentos e garantir que todo o alumnado poida acceder ao ensino en igualdade de condicións” explican as concelleiras Seoane, Fuentes e Ares, e reclaman “celeridade na resolución deste problema, dotando máis prazas de autobús” sinalan.

Desde o BNG trasladan “o noso total apoio á comunidade educativa de Curtis” e anuncian, tamén, que presentarán “unha iniciativa parlamentar con urxencia, encamiñada a exixirlle á Xunta de Galiza que poña solución dunha vez a este problema, que xa fora advertido por parte da comunidade educativa de Curtis, e ao que fixeron ouvidos xordos. Agora vense as consecuencias e quen as paga inxustamente son as familias e o alumnado destes centros educativos” sinalou Mini Rivas, deputado do BNG no Parlamento galego.