“Damos este paso con toda a ilusión, para avanzar e sumar co BNG por un futuro mellor para Curtis e para Galiza” sinalaron Seoane, Fuentes e Ares, actuais concelleiras de Asembleas Abertas de Curtis

O BNG suma o apoio de Asembleas Abertas de Curtis nunha candidatura do BNG ás próximas Eleccións municipais para “abrir un tempo novo en Curtis”

O Bloque Nacionalista Galego e a candidatura municipal Asembleas Abertas de Curtis sumarán forzas neste concello nunha candidatura do BNG de cara ás vindeiras Eleccións municipais do ano 2023.

Así o fixeron público esta mañá, sinalando que “esta incorporación supón un aporte moi importante ao BNG e un paso adiante para seguir traballando polo futuro de Curtis, cunha alternativa de goberno sólida e coherente que traballará sen descanso para que, ao igual que xa aconteceu en moitos concellos do país, poidamos abrir un tempo novo en Curtis e superar tantos anos de desleixo do PP” explicaron.

As actuais concelleiras de Asembleas Abertas de Curtis, María Seoane, Verónica Fuentes e Maribel Ares, coincidiron en sinalar que “hoxe damos este importante paso con toda a ilusión, para avanzar e sumar co BNG por un futuro mellor para Curtis e para Galiza”, expresaron.

O responsábel comarcal do BNG na Montaña, Denís Bermúdez, salientou a “grande achega que supón esta incorporación ao BNG. O BNG é unha forza política que suma e cun proxecto político serio, solvente e contrastado tanto nos concellos que somos goberno como nos que somos oposición. Contamos cunha grande equipa humana en Curtis que traballará sen descanso para ofrecer unha alternativa política ao actual caciquismo do PP neste concello” concluíu Bermúdez.