O BNG PARTICIPOU DA CONCENTRACIÓN QUE TIVO LUGAR NO DÍA DE ONTE EN TEIXEIRO
O BNG presenta unha iniciativa no Parlamento de Galiza para reclamar que se manteña a praza de Atención Preferente no CEIP de Teixeiro
A Deputada Mercedes Queixas, o deputado Mini Rivas e as concelleiras María Seoane, Maribel Ares e Verónica Fuentes trasladaron nunha reunión coa ANPA A Froula o apoio ás súas demandas.
O BNG rexistrou no Parlamento de Galiza unha iniciativa para reclamar á Consellería de Educación que recúe e manteña a praza de Atención Preferente coa que contaba desde hai catro cursos o CEIP de Teixeiro. Fíxoo a través da deputada Mercedes Queixas quen, xunto o deputado Mini Rivas e as concelleiras María Seoane, Maribel Ares e Verónica Fuentes, mantivo unha reunión con membros da ANPA A Froula.
Segundo a deputada nacionalista “non existe ningún criterio obxectivo para retirar esta praza, pois as necesidades educativas seguen a ser as mesmas que nos cursos pasados” e insistiu en que non se trata dun caso illado. “É a tónica xeral das políticas do Partido Popular: recortes e máis recortes no ensino público galego”, insistiu Queixas.
Por outra banda, o deputado Mini Rivas participou xunto as concelleiras no Concello de Curtis e outros cargos orgánicos do BNG da concentración que a ANPA convocou o pasado xoves para reclamar o mantemento da praza. “Apoiamos as reivindicacións das familias do CEIP de Teixeiro porque é de xustiza que se manteña a praza de Atención Preferente.” sinalou Rivas ao tempo que insistiu en que “desde o BNG sempre defendimos e defenderemos un ensino público galego de calidade que garanta a igualdade de oportunidades e unha educación inclusiva do alumnado con necesidades específicas”, sentenciou.